As persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias do Proxecto «Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais» que está vinculado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, e financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, son persoas que desenvolven a súa vida no rural e que así o queren seguir facendo.

Biocoidados ideouse para experimentar sobre procesos de desinstitucionalización e sobre estratexias para previr a institucionalización neste medio rural. A aposta parte da deconstrución das lóxicas urbanas para a atención a persoas que se atopan en situación de risco ou precaridade así como aquelas cuxa condición demanda unha proposta máis específica e personalizada. Deste modo, os colectivos de persoas potencialmente beneficiarias do programa son as seguintes: persoas con discapacidade ou diversidade funcional, persoas maiores de 65 anos, persoas con problemas de saúde mental e ou física, nenos, nenas, mozos e mozas en situación de risco ou que teñan pasado polo sistema de protección oficial, persoas en situación de sinfogarismo e outros grupos de poboación de especial vulnerabilidade.

A selección dos casos sempre atende ós tres piares fundamentais do proxecto:

-Desenvolvemento no rural

-Promoción da desinstitucionalización

-Prevención da institucionalización

No noso caso, vanse atender a máis de 60 casos que foron os que a Coordinación do CDR O Viso acordou cando se propuxo o percorrido e se orzamentou. En torno ó 50 por cento das persoas beneficiarias do programa xa eran usuarias dalgún dos espazos do Viso, principalmente do Centro de Integración en Lodoselo e da Vivenda comunitaria “A túa outra casa” tamén en Lodoselo. O resto de casos foron derivados por diferentes organismos tanto oficiais coma por outras asociacións. No caso do desenvolvemento do Proxecto por parte do Viso o elevado número de persoas beneficiarias facilitou unha rede de divulgación que derivou na valoración de varios casos tamén.

No caso do CDR O Viso, o desenvolvemento do Proxecto circunscríbese á arela da comarca da Limia nos seus diferentes concellos: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

As persoas beneficiarias son principalmente persoas maiores de 65 anos que viven no medio rural: nos diferentes pobos da comarca da Limia. Tamén traballamos con persoas máis novas con algún tipo de diversidade funcional psíquica e / ou física.

Deste xeito a proposta é ampla en canto a poboación e os percorridos metodolóxicos e as implementacións buscan acompañar a estas persoas beneficiarias no desenvolvemento do seu Plan de Vida. A intención é a de acompañar nesa procura dun senso vital que preveña a institucionalización fomentando a autonomía nun medio de acción comunitaria.